O proxecto conta con 1,3 millóns de euros para dotar de novos recursos e
infraestruturas os portos deportivos e clubs náuticos vinculados á Ruta Xacobea
Forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove,
Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo
O proxecto está incluído no marco das accións de cohesión en destino do Plan
Xacobeo NextGeneration

O Consello da Xunta autorizou no mes de maio a subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia para a
promoción da Ruta Traslatio que, no marco das accións de cohesión en destino do Plan
Xacobeo NextGeneration, destina a este proxecto 1,3 millóns de euros, co obxectivo de
impulsar Galicia como destino turístico náutico. O Convenio ten unha duración de dous anos rematando a mediados do ano 2024.

O convenio ten como obxecto revalorizar os activos turísticos vinculados á Ruta
Traslatio, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias,
rehabilitación de infraestruturas e dixitalización de recursos para optimizar a
experiencia do visitante náutico a Galicia. Levaranse a cabo actuacións de dixitalización de recursos, creación ou mellorade espazos para a recepción de visitantes e mellora de equipamentos turísticos, a mellora da oferta de servizos dos portos deportivos e clubs náuticos coa instalación de equipamentos de control e vixiancia intelixente, dotación de equipamentos de mobilidade sustentable para a loita contra a contaminación mariña, así como sistemas de xestión ambiental, redes wifi e adaptación e mellora da eficiencia enerxética nas diferentes instalacións.


Con base neste proxecto, o Real Club Náutico Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Club Náutico
Portonovo, Club Náutico San Vicente, Club Náutico La Toja, Marina e Estación Marítima
de Vilanova de Arousa, Club Náutico Rianxo, Club Náutico Cabo de Cruz, Club Náutico
Barraña, Marina Pobra do Caramiñal e Club Náutico de Ribeira acollerán diversas
actuacións e melloras nas súas infraestruturas e servizos.

Categories: Últimas Novas